Páginas

miércoles, 13 de octubre de 2010

DOSSIER "NA META (Sálvese quen poida)" de Thomas Bernhard / ÓNFALO TEATRO S.L.

NA META (Sálvese quen poida)



NA META (sálvese quen poida)
UN ESPECTÁCULO DE ÓNFALO TEATRO S.L.
con dramaturxia e dirección de


ANA CONTRERAS e AFONSO BECERRA DE BECERREÁ
Texto de THOMAS BERNHARD
En coprodución coa MIT RIBADAVIA 2010 e co apoio do FORO CULTURAL DE AUSTRIA e da AGADIC da Xunta de Galicia



Estreada no teatro da Casa da Cultura de Ribadavia (Ourense) o 17, 18 e 19 de xullo de 2010. Salón Teatro de Compostela, o 17 e 18 de setembro de 2010.


Sala Mozart do Auditorio de Galicia, o 18 de outubro de 2010, na Feira Galega das Artes Escénicas.

Elenco:

Nai – LUÍSA MERELAS

Filla – RUT BALBÍS

Escritor Dramático – TONI SALGADO


Escenografía e vestiario: DIEGO COSTA
Deseño de iluminación e espazo sonoro: ANA CONTRERAS
Achegas coreográficas: RUT BALBÍS
Deseño gráfico: ÓSCAR MORENO
Construción escenografía: PATADEGALO (Punxín. Ourense)
Instalacións eléctricas: ELECTRO BECERRA (Becerreá. Lugo)
Calzado tradicional: ALBERTO GEADA (Artesanía Os Muíños. Mondoñedo. Lugo)
Colaboración vestiario: REI ZENTOLO
Administración e xestión: AMPARO BECERRA
Propietaria dos dereitos de representación de Am Ziel: SUHRKAMP VERLAG



Distribución: María Casar



Tel. +34 678 60 15 50


Sinopse:



“NA META. (Sálvese quen poida)” é unha comedia negra sobre o éxito e o fracaso. Unha revisión humorística sobre o camiño cara á meta de cadaquén e o que nel se perde e se gaña. Unha NAI de armas tomar saca a súa metralladora verbal e fai saltar polos aires algúns dos piares da sociedade. A NAI viúva e a FILLA solteira reproducen dinámicas de dependencia, tiranía e submisión. Un ESCRITOR DRAMÁTICO novo, que vén de triunfar no teatro coa súa obra Sálvese quen poida, diríxese cara á meta das dúas espectadoras que orquestran esta comedia cáustica. Unha primeira parte na que se fan as maletas e unha segunda na que se desfán. Unhas personaxes que deixan saír os monstros que a meirande parte das persoas agochamos. O riso terrible do coñecemento.
Un espectáculo no que o discurso de Bernhard e a acción escénica se potencian coas linguaxes da danza, a instalación, a performance, o clown, a acrobacia e outros recursos que enriquecen a plasticidade e afían o significado da obra.



“Para min é incomprensible
que aplaudiran
cando se trataba dunha obra
na que todo o mundo queda malparado
e da maneira máis cruel
adobada con chistes
pero uns chistes malvados
incluso con baixeza
cunha baixeza absoluta
E de súpeto puxéronse a aplaudir”




"A xente non entende nada
e aplauden como tolos
porque están dispostos a aplaudir e xa está
pero aplauden tamén o máis absurdo
Aplauden o seu propio enterro
aplauden tódalas labazadas
que reciben
danlles labazadas desde o escenario
e aplauden
Non hai perversidade maior
que a perversidade do público de teatro”


"Son estas obras
que o destrúen todo
que o derruban todo ata que non queda nada en pé
O tipo entra en escena e xa coa primeira palabra
que di pronuncia a súa propia sentenza de morte
vai cara á morte arrastrando con el
á muller coa que está falando
todo é tan desapiadado
segundo entran en escena xa están condenados a morte
e ponlle o título Sálvese quen poida
porque está claro que ninguén se salva
é ridículo pensar na salvación
todo se dirixe cara á catástrofe
todos se destrúen
Mentres fan todo o posible por salvarse
falan e destrúense
sentan e destrúense
amanse ódianse e destrúense
non hai escapatoria
Cres que a vida é como esta obra
Sálvese quen poida que cinismo"




MUSICALIDADE E HUMOR BERNHARDIANOS


A obra do gran autor austríaco, Thomas Bernhard, está sustentada en dous piares: a musicalidade e o humor. A primeira ten que ver coa forma, a enunciación de frases, a repetición e variación, o desenvolvemento, o ritmo, a respiración e cadencias. Trasladamos estes conceptos sonoros á imaxe plástica e dinámica do espectáculo, de modo que guían tanto a escenografía como a composición lumínica e o movemento coreográfico. Diversificamos os focos de atención xogando á simultaneidade e buscámoslle a bis circense ao texto coa danza, a acrobacia, os gags, os trucos. Acumulación de texto, acumulación de obxectos, de roupa, de movemento ata a vertixe delirante.


Bernhard ten de si mesmo a imaxe do vello bufón. O seu humor, por tanto, é o dos bufóns, e baséase en dicir a verdade da maneira máis crúa. Por iso é un humor amargo, traxicómico, porque parte da exposición das nosas máis profundas miserias. Pero, aínda que escaravelle no horror, a súa obra segue sendo humorística, fainos graza. O riso constitúe en si mesmo unha posibilidade de redención a través do coñecemento e do recoñecemento.


As accións que se relatan no noso espectáculo, presenciadas produciríannos arrepío, terror e piedade, pero a meta fica a unha distancia suficiente dos chanzos como para observar o camiño terrible con humor. A sinceridade de Bernhard fascínanos porque constitúe un ataque mordaz a valores tradicionais: familia, maternidade, rendibilidade económica, virilidade, feminidade, triunfo, beleza. O ser humano busca o poder, o éxito, en tódalas relacións que mantén e iso abócao a unha ansiedade da que só o pode salvar o humor. Bernhard inverte a típica relación na que se funda a comicidade e o riso, froito dunha relación estreita entre un obxecto risible e un suxeito que ri. Nesta dramaturxia os personaxes non son obxectos risibles senón actores suxeitos cuxa acción é o discurso, co que se ispen expoñéndose sen pudor. As palabras crean a distancia necesaria para o humor e a musicalidade do seu corpo, o das palabras, propicia o achegamento.


Na Meta, como a maioría de obras contemporáneas, carece de “argumento”, aparentemente non pasa nada. Asistimos en tempo sincrónico a dous momentos dun mesmo día na vida de dúas mulleres, nai e filla, que invitaron a un escritor e van de viaxe. O importante non é o que fan neste momento, preparar a equipaxe, senón o que contan, toda a peripecia vital, revisada obsesivamente, que as levou a este instante de decrepitude e esperanza.



O QUE DIXO A CRÍTICA DE “NA META (Sálvese quen poida)”


“Na meta, obra de Thomas Bernhard que nos chega en versión galega de Ana Contreras e Afonso Becerra, mostra ese exercicio de configuración da identidade a través dun proceso de reconstrución da historia, a propia e a dos demais. Un tema recorrente na obra dun dos autores máis importantes da literatura de expresión alemá. […] Foi un espectáculo producido por Ónfalo Teatro e cunha interpretación marabillosa de Luísa Merelas.”



MV García, en “Faro da Cultura” de “Faro de Vigo", xoves, 20 de xaneiro de 2011.



“O proxecto [Na Meta (Sálvese quen poida)] xa resulta atractivo de entrada polo feito de poder contar en galego co texto do autor austríaco. Fai Ónfalo unha proposta lúdica que segue a teima iniciada polo tándem Ana Contreras e Afonso Becerra na súa primeira montaxe e que consiste en achegarse a todos os públicos. A superposición de linguaxes, a introdución de xogos de maxia e artes circenses conviven nesta proposta de Ónfalo na que Luísa Merelas resolve airosa […] o monólogo desa nai opresora e autoritaria de Bernhard. Pola súa parte, Ruth Balbís salva o seu rol de interlocutora silente dialogando co espazo nun exercicio de estrañamento do cotián que mesmo imprime certa frescura ao monólogo da nai. Pola súa banda, a gran presenza de Toni Salgado dilúese nun claro abandono do actor en escena. Os tres constitúen os piares dunha comedia negra de tons pastel que asume o risco de experimentar con artes e técnicas e quere facer chegar ao público xeral un autor marabillosamente lúcido e enfermizo como é o austríaco.”



Vanesa Sotelo, en “Revista Galega de Teatro”, Nº 65, inverno 2010.



“[Luísa Merelas] Bota por fóra durante a metade da obra. […] Que hai que consumir o texto e que si: que chegan novos tempos para que os novos rompan coa historia e busquen algo novo. Como sucedeu de sempre e debería ser agora tamén.”



Camilo Franco, en “La Voz de Galicia”, martes 19 de outubro de 2010.



“Alleo ao teatro galego, o austríaco Thomas Bernhard era un dos nomes que moitos agardabamos con ganas, especialmente na súa liña cómica, ou traxicómica […]
Luísa Merelas no papel protagonista é sempre garantía de acerto […] Rut Balbís, coñecida como excelente bailarina, fai aquí a súa primeira incursión no teatro nun sorprendente papel no que demostra unha expresividade aproveitábel para a plástica cómica desde o control absoluto dos movementos. Todo un achado. […] Toni Salgado, bo actor que xa puidemos ver en boas interpretacións […].
A dirección do espectáculo semella ter querido pór no escenario unha teoría da mestura que interesa, sorprende e apreixa o espectador.
Ónfalo Teatro asumiu un risco que demostrou que podía asumir.”


Inma López Silva: “Atrevidos”, en Revista “TEMPOS NOVOS”. Nº 160. Setembro 2010



Thomas Bernhard (1931-1989) é un autor austríaco, igual non moi coñecido para algúns, pero que a outros nos crea adicción. É un autor cunha extensísima obra, tanto novela coma teatro, incluso unha autobiografía que mestura con elementos ficticios, igual que na súa obra de ficción inclúe elementos autobiográficos (El malogrado, Maestros Antiguos, El sobrino de Witgenstein, Mis premios...)O seu estilo tan particular, con frases moi longas e numerosas repeticións, está cheo dunha aceda ironía, humor negro e, sobre todo, unha terrible crítica social. Crítica social á Viena da súa época, pero perfectamente extrapolable ós nosos tempos. Ó fin e ó cabo, Bernhard é un autor do século pasado, achegado a nós no tempo, pero tamén un grande xa da literatura universal. Os seus temas, recorrentes ó igual que o seu estilo, fan da obra de Bernhard un universo facilmente identificable coma o universo "bernhardiano". Cando se levan lidas un par de obras súas, nas seguintes, unhas recórdannos ás outras (tanto ten que se lean en orde cronolóxica ou non), pero malia esa recorrencia ou precisamente grazas a ela sempre se quere ler máis e incluso reler.En teatro, títulos coma El ignorante y el demente, El reformador del mundo, podiamos lelos ata o de agora, se non nos atrevemos co orixinal en alemán, en castelán nas traducións de Miguel Sáenz. Desde xullo deste ano podemos ler a súa obra de teatro Am Ziel, traducida ao galego por Ana Contreras e Afonso Becerra de Becerreá co título de Na meta e publicada por Difusora das Letras, Artes e Ideas.Por se isto non fora xa motivo de ledicia de abondo para os "bernhardianos" galegos, ÓNFALO TEATRO S.L. levouna a escena cun espectáculo titulado "NA META (Sálvese quen poida)" o sábado 17 de xullo de 2010 na Casa da Cultura de Ribadavia. Nunha coprodución da MIT RIBADAVIA e o apoio do FORO CULTURAL DE AUSTRIA, baixo a dirección dos mesmos tradutores Ana Contreras e Afonso Becerra de Becerreá.
Aínda non lin o texto, pero tiven ocasión de ver onte a obra no Salón Teatro en Santiago onde se representou o venres 17 e o sábado 18. Tiña aínda en mente a adaptación doutra obra de Bernhard que vira en xullo,
Almuerzo con los Wittgenstein representada no marco do Festival do Teatro Grec 2010 e, a verdade é que sen poder evitar as comparacións, este Bernhard galego saíu gañando.
De verdade que merece a pena, e sería un luxo para nós que a obra se permitise unha xira por toda Galicia e aínda fóra de Galicia. Fago a reseña aquí, non só porque me parece un tema de blog de biblioteca, senón porque me parece que merece a maior difusión posible.”



Publicado por Adelaida o 19 de setembro de 2010 no blog da Biblioteca do IES Val do Tea.



“También fui uno de los afortunados que el pasado sábado pudo ver en el CDG la puesta en escena de "Na meta". Mi experiencia previa teatral con Bernhard se reducía a "Ante la jubilación" en el CDN (Teatro Valle-Inclán, 2008), y al igual que el-la redactor@ del blog, he de decir que "Na meta" compite en igualdad de condiciones con una obra de mayor presupuesto y desarrollada por una institución de referencia como el CDN.
Por último, qué mejor que la "ácida ironía" de Bernhard, para afrontar con "humor negro" UN comienzo de curso.
Firmado: El sobrino (no el de Wittgenstein).”



Comentario publicado por Juan Francisco o 20 de setembro de 2010 15:18 no mesmo blog da Biblioteca do IES Val do Tea.
http://clubelecturaiesvaldotea.blogspot.com/2010/09/thomas-bernhardt-en-galicia-e-en-galego.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario