Páginas

lunes, 28 de junio de 2010

Estrea de THOMAS BERNHARD en Galicia: NA META (Sálvese quen poida)




En coprodución coa MIT RIBADAVIA e co apoio do FORO CULTURAL DE AUSTRIA, Ana Contreras e Afonso Becerra de Becerreá estrean THOMAS BERNHARD en Galicia co espectáculo "NA META (Sálvese quen poida)"

“NA META. (Sálvese quen poida)” é unha comedia negra sobre o éxito e o fracaso. Unha revisión humorística sobre o camiño cara á meta de cadaquén e o que nel se perde e se gaña. Unha NAI de armas tomar saca a súa metralladora verbal e fai saltar polos aires algúns dos piares da sociedade. A NAI viúva e a FILLA solteira reproducen dinámicas de dependencia, tiranía e submisión. Un ESCRITOR DRAMÁTICO novo, que vén de triunfar no teatro coa súa obra Sálvese quen poida, diríxese cara á meta das dúas espectadoras que orquestran esta comedia cáustica. Un espectáculo cunha primeira parte na que se fan as maletas e unha segunda na que se desfán. Unhas personaxes que deixan saír os monstros que a meirande parte das persoas agochamos. O riso terrible do coñecemento.

“NA META. (Sálvese quen poida)” conta coa interpretación maxistral da actriz Luísa Merelas, cunha longa traxectoria no teatro, no cine a nas series de ficción televisiva, xunto ao debut no teatro da recoñecida bailarina e coreógrafa Rut Balbís, da Cía. Pisando Ovos, coa que acadou prestixiosos premios. Completando a tríade co actor Toni Salgado, quen ten destacado cos seus papeis na Cía. A Factoría Teatro ou no Centro Dramático Galego (CDG), da man de Cristina Domínguez, Nuno Cardoso, Xan Cejudo e Roberto Salgueiro.


ESTREA o sábado 17 de xullo na Casa da Cultura de Ribadavia. Tamén haberá funcións o domingo 18 e o luns 19 de xullo

Ademais tamén presentaremos a tradución do alemán ao galego de AM ZIELde Thomas Bernhard, realizada por Ana Contreras e Afonso Becerra de Becerreá, publicada pola editorial ourensá Difusora de Letras, Artes e Ideas, dentro da Colección Abrente da MIT RIBADAVIA.

"NA META (Sálvese quen poida)"

Dramaturxia e dirección escénica: ANA CONTRERAS e AFONSO BECERRA DE BECERREÁ.
Escenografía e vestiario: DIEGO COSTA.
Iluminación e son: ANA CONTRERAS.
Achegas coreográficas: RUT BALBÍS.
Deseño e imaxe: ÓSCAR MORENO.
Construción escenografía: PATADEGALO (Punxín, Ourense)
Instalacións eléctricas: ELECTRO BECERRA (Becerreá, Lugo)
Calzado tradicional: ALBERTO GEADA (Artesanía Os Muíños. Mondoñedo, Lugo)
Administración e xestión: AMPARO BECERRA.
Propietaria dos dereitos de representación de Am Ziel: SUHRKAMP VERLAG

Elenco:
Nai - LUÍSA MERELAS
Filla - RUT BALBÍS
Escritor dramático - TONI SALGADO

Agradecementos:
ROBERT KANA e JOSE ROJO (Viena). RUBÉN RUIBAL. ISABEL IGLESIAS. LARA CONTRERAS. MANUELA GÓMEZ (in memoriam) da Casa de Toldo de Vilar de Ousón, Becerreá, Lugo.